A FERVENZA DA CIDADELLA: unha fermosa ruta nos confíns de galicia
Imos facer unha viaxe ata o sur de Galicia, case na fronteira con Portugal, na parroquia de Soutochao, concello de Vilardevós (Ourense).
Aquí, entre vales e bosques, atópase unha das fervenzas máis impresionantes que mirei nunca: a Fervenza da Cidadella, cun salto de 30 metros de altura.
Unha ruta con encanto
A aventura comeza cunha ruta circular de 2,6 km que segue o curso do Regueiro do Pontón, un pequeno río que serpentea entre pontes de madeira, muiños antigos e sombras de carballos e madroños. O sendeiro está ben sinalizado e acondicionado, con tramos que incluso teñen postes e cordas nos puntos máis esvaradíos, o que fai que sexa accesible para moita xente, tanto para quen fai sendeirismo de forma habitual como para familias que queren pasar un día ao aire libre.
Chegar á Fervenza da Cidadella é o momento culmen da ruta. Aquí o Regueiro do Pontón fai un salto duns 30 metros de altura formando un salto de auga vertical que baixa con forza entre as rochas. O son da auga caendo e a vista espectacular fan que non queiras marchar de alí pronto. Esta fervenza é especialmente impresionante despois das choivas, cando ten máis caudal e o salto ten aínda máis forza.
Pódese chegar ao pé mesmo da fervenza seguindo o sendeiro. Se seguimos coa ruta, atravesaremos unha pequena ponte sobre o rego e subiremos as escaleiras de madeira que salvan o desnivel ata acadar un mirador. Dende ese punto, as vistas son dignas de postal. Polo camiño tamén podes toparte con restos de muiños e castros rehabilitados ou áreas recreativas onde hai espazos para sentar, comer ou descansar antes de continuar a ruta ao redor do río.
Sendas do contrabando
Un detalle que fai aínda máis especial a visita é que esta zona de Vilardevós tamén forma parte das chamadas “Rutas do Contrabando”. Esta zona histórica era percorrida durante séculos polos veciños e veciñas entre Galicia e Portugal para mover mercadorías de forma clandestina, especialmente tabaco, café, azúcar e telas na época na que evadir impostos tiña moita importancia.
Principalmente usábanse nos anos da posguerra, aínda que esta actividade está documentada dende o S. XV.
Estas actividades finalizaron coa incorporación de España e Portugal á Unión Europea, que supuxo a desaparición das aduanas entre os dous países.
Hoxe en día esas rutas son excepcionais para o sendeirismo, e foron divididas en 3 grandes grupos debido a dificultade de clasificar os imnimerables sitios polos que pasaban. Unha delas pasa por este punto tan impresionante, sendo a Ruta C – Terra de Arriba, unha ruta circular de 13, 7 km para os máis atrevidos.
Un dos grandes atractivos da Fervenza da Cidadella é que non necesitas ser un experto en montañismo para desfrutar da experiencia. A ruta é modesta en dificultade, moi sinalizada e rehabilitada, e combina vistas naturais con historia e zonas de descanso. Ademais, o entorno forestal convértese nun espazo perfecto para unha escapada de fin de semana, picnic, sesión de fotos ou simplemente gozar do son do bosque e da agua.
Así que se estás a planear unha escapada distinta polos vales de Ourense, por que non engadir a Fervenza da Cidadella ao teu mapa?
- All Posts
- Cultura
- Gastronomía
- Ocio
- Rutas
- Back
- Aventura
- Nocturno
- Anti-choiva
- Visitas
- Back
- Arte e cine
- Historia
- Música
- Tradicións
- Back
- Cascadas e pozas
- Miradoiros
- Costeiras
- Bosques
- Back
- Menú do día
- Tapas e racións
- Comida rápida
- Doce


