Descubre a tráxica historia de amor tras a pena dos namorados
No sur de Galicia, na parroquia de Arcos (Ponteareas), escóndese un deses lugares que parecen sacados dun conto: a Pena dos Namorados. É un conxunto de enormes rochas de granito colocadas unhas enriba das outras, pero o que máis sorprende é a súa pedra principal, que queda apoiada sobre outras máis pequenas. Véndoa de preto dá a sensación de que pode caer en calquera momento…
Unha lenda de amor prohibido
A fama desta pedra non se debe só á súa singular forma, senón á historia que dende hai xeracións se conta nas bisbarras da comarca. Segundo esta lenda tradicional, fai moitos séculos vivía no Castelo do Sobroso un nobre chamado Don Álvaro de Sarmiento.
Don Álvaro tiña unha fermosa filla chamada Aldina, moza en idade de namorar. Pero os seus amores estaban prohibidos: Aldina estaba namorada de Tristán, un mozo da zona (labrego ou noble segundo as distintas versións) pero en calquera caso alguén a quen o pai non aprobaba.
Os dous amantes reuníanse en segredo na Pena dos Namorados, afastados de miradas indiscretas, e alí compartían a súa paixón ao caer da tarde. Sen embargo, como en tantas historias de amor prohibido, o destino tivo un xiro tráxico.
Don Álvaro, receloso, decidiu comprobar se os rumores eran certos e, disfrazado de mendigo, seguiu as pegadas de Aldina ata o lugar de encontro. Alí sorprendeu o amante e, tras un enfrontamento, matou a Tristán.
Aldina, descoñecedora do que acontecera, seguiu acudindo día tras día ao penedo esperando ao seu amado. Pasadas tres noites de espera sen resposta, ao escoitar as campás do mosteiro de Canedo e ver a aparición do espírito de Tristán, comprendeu finalmente o fatídico destino do seu amor.
Ao volver ao castelo e topar co pai, encerrouse na torre e morreu de pena tres días máis tarde.
O ritual para saber cando vas casar
Dende entón, a Pena dos Namorados converteuse nun símbolo non só de amor e tristeza, senón tamén de esperanza. Moitos mozos e mozas da contorna que buscan coñecer o seu destino amoroso acuden ao penedo para realizar un curioso ritual: o rito das tres pedras.
Este rito consiste en recoller tres pedriñas do chan e porse de costas á gran rocha. Logo hai que lanzas as pedras por encima do ombreiro, intentando que queden enriba da pena. Segundo a tradición, o número de pedras que se queden arriba determinará en cantos anos vas casar:
-Se quedan as 3 pedriñas: casas nun ano.
-Se son 2: en dous anos.
-Se só queda 1: o matrimonio tardará máis.
-Se non queda ningunha: a lenda di que o amor non terá futuro 🙁
A Pena dos Namorados é moito máis que unha simple formación rochosa. Está situada nun entorno de enorme beleza natural, que forma parte da contorna do Monte da Picaraña, un espazo cheo de outras formacións graníticas tan interesantes como a Pena do Equilibrio ou os penedos de O Monxe e O Pelouro.
Este lugar non só ofrece unha pausa na natureza, senón tamén a oportunidade de conectar co pasado, coas lendas que marcaron a tradición popular de Galicia e co espírito romántico que, aínda hoxe, fai que moitos se acheguen a lanzar as pedras tentando coñecer o seu propio futuro amoroso. Se planexas unha escapada por Pontevedra, converter a Pena dos Namorados nunha das túas paradas será unha experiencia inesquecible.
- All Posts
- Cultura
- Gastronomía
- Ocio
- Rutas
- Back
- Aventura
- Nocturno
- Anti-choiva
- Visitas
- Back
- Arte e cine
- Historia
- Música
- Tradicións
- Back
- Cascadas e pozas
- Miradoiros
- Costeiras
- Bosques
- Back
- Menú do día
- Tapas e racións
- Comida rápida
- Doce


