A curiosa tradición do Entrudio: un boneco de palla pasea enriba dun burro pola aldea de Pentes

Con motivo de despedir o Entroido, os veciños desta parroquia de A Gudiña reúnense a véspera do Mércores de Cinza para “correr o Entrudio”.

 

E en que consiste esta celebración?

 

O luns pola noite, algúns habitantes argallan un boneco de palla con roupa vella e caracterízano cunha careta e unha perruca. Este ano tocou disfrazalo de Donald Trump.

 

A mañá seguinte, este personaxe é colgado no medio da aldea cunha corda, e permanece alí exposto ata que chega o solpor. Durante o día, os máis curiosos achéganse a velo para saber como vai vestido ese ano.

A tarde do martes

Cara ás 19:00 h, a xente vai chegando disfrazada xunto a este peculiar amiguiño, dispostos a baixalo e a pousalo enriba dun burro que o levara toda a tarde. O noso protagonista guiará a comitiva que irá percorrendo toda a aldea cun propósito: recoller os aguinaldos que vaia ofrecendo a veciñaza. Aquí case todo vale, pero o tradicional é ir recollendo ovos e pousándoos nunha cestiña.

 

Pero cóntovos unha cousa, xa é o terceiro ano que fago este percorrido e xa vin de todo: botellas de aceite, patacas, chourizos, cebolas, botellas de alcol,…

 

Mentres continúa o paseo, algúns habitantes tocan diversos instrumentos para alegrar a camiñata, pero sempre seguindo o ritmo galego da gaita, a pandeireta, o tambor ou o bombo. Se algún que outro se anima, tamén se bota algunha canción popular para que o resto poida seguila sen problema.

 

Baixo esta tradición, tamén se aproveita a visitar a aquelas persoas que non poden saír da casa, sacándoas da rutina e alegrándoas un chisco co son da música e ensinándolles o Entrudio e os traxes.

Distintos personaxes

Tamén existen outras personalidades que van acompañando á comitiva:

 

–O Farrampón: trátase dun home vestido cunha coroza de palla e unha careta. O seu obxectivo é roubar algún que outro alimento que vaia atopando cada vez que se achega as casas, xa que non confía en que os veciños den suficiente para poder cear a gusto.

 

–As madamas: estas mulleres portan o traxe tradicional das mozas de Pentes. Trátase dun vestido branco con franxas de cores. Pódense engadir elementos como panos ou broches. Estase intentando recuperar xa que fai moitos anos que se perdeu a tradición de poñelos.

 

–O Boteiro: tradicionalmente pertence a Viana do Bolo, pero este ano animouse a “correr o Entrudio” e a gozar da festa.

Cando se remata de percorrer toda a aldea, os veciños reúnense na Casa do Pobo para cociñar os agasallos recibidos. O tradicional é comer tortilla de patacas e ovos fritidos cun pouco de churrasco, pero cada vez vanse engadindo máis alimentos, como pasta para os máis pequenos ou empanada. Así que as tarefas repártense, e uns van ás brasas e outros a pelar patacas.

 

Unha vez feita a comida, céase en comunidade mentres charlamos. Pero aínda queda o mellor, de sobremesa un chocolate quentiño con bizcoitos 😛

 

Cando chega a medianoite, todos saímos fóra para queimar o Entrudio, pero coidado, hai veces que lle meten petardos! O ideal é pedir un desexo e saltar por riba del , como se da fogueira de San Xoán se tratase. Así despedimos o Entroido un ano máis.

  • All Posts
  • Cultura
  • Gastronomía
  • Ocio
  • Rutas
    •   Back
    • Aventura
    • Nocturno
    • Anti-choiva
    • Visitas
    •   Back
    • Arte e cine
    • Historia
    • Música
    • Tradicións
    •   Back
    • Cascadas e pozas
    • Miradoiros
    • Costeiras
    • Bosques
    •   Back
    • Menú do día
    • Tapas e racións
    • Comida rápida
    • Doce
Andrea Iglesias
Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.